Historia Los Caminos Consejos prácticos Enlaces de interés
Camiño de Santiago, Historia Os camiños Consellos Prácticos Ligazóns de Interese

Camiño de Santiago, Historia

A peregrinación a Santiago transformouse dende moi cedo no acontecer relixioso e cultural máis destacábel e máis profundamente vivido da Idade Media, feito recoñecido recentemente polo Parlamento Europeo, que designou ao Camiño como Primeiro Itinerario Cultural europeo, e pola UNESCO, que o declarou Patrimonio da Humanidade.

O descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago, fillo de Zebedeo e irmán de Xoán Evanxelista, mudou a face dun miúdo asentamento de orixe romana do noroeste ibérico que, no esquecemento dos séculos, se tiña transformado en necrópole; e significou ademais una reviravolta na historia espiritual de un continente que de seguida se lanzou a labrar un camiño para chegar ate a prezada reliquia.

O achado, ocorrido cara a segunda ou terceira década do século IX, constituía o fin lóxico dunha tradición oral e escrita que, tras a morte de Xesucristo, situaba a Santiago o Maior como evanxelizador en terras da antiga Hispania, segundo suxerían o Breviarum Apostolorum no século VI-VII e os textos firmados polo anglosaxón Beda Venerabilis e o asturiano Beato de Liébana no século octavo. Ao feito histórico da decapitación do Apóstolo por Herodes Agrippa no ano 44, seguen as explicacións proporcionadas polo Códice Calixtin o ou a Legenda Aurea para dar fe do seu traslado a terras do confín continental, aquelas nas que transmitira as ensinanzas de Cristo. O corpo sen vida de Santiago tería sido conducido por dous rapaces novos, discípulos, en barco tripulado por anxos, que cruzou o Mediterráneo e subiu pola costa portuguesa ate o porto romano de Iria na provincia de Gallaecia. Alí, tras unha serie de feitos milagrosos, Santiago tería sido finalmente sepultado no monte Liberum Donum, nun lugar vagamente designado como Arcis Marmoricis.

Case oitocentos anos máis tarde –continúa a tradición – un ermitán tería albiscado luces celestiais que o levaron cara o lugar sagrado, cuxa historia permanece no misterio durante os anos da desintegración do Imperio Romano, a constitución dun reino suevo a dominación visigótica. O eremita tería avisado a Teodomiro, bispo de Iria, do descubrimento, e o Rei Afonso II fixo construír xa daquela unha pequena igrexa, que deixou baixo a custodia de monxes benedictinos. Antes de terminar o século IX, Afonso III encargaba a construción dunha basílica maior, digna do acontecemento que comezaba a mover aos fieis de Europa.

A noticia coincidía cun importante momento político para a consolidación do reino Astur-Galaico , en cuxo territorio ocorría o achado. Expulsadas as tropas musulmás do norte de España, era mester repoboar o territorio e tender cara o resto de Europa unha sólida rede para a circulación de persoas, mercadorías e ideoloxías. Na titánica tarefa sería decisivo o feito de contar cun centro relixioso da medida de Roma ou Xerusalén, que de algún xeito “independizaba” espiritualmente ao reino nacente do estendido imperio de Carlomagno.



Inicio e auge das peregrinacións
Anos Santos, cidade santa